Tuesday 17 de September de 2024

O Concello concorre á convocatoria de axudas da Xunta para o financiamento do servizo de Atención Temperá


Ao longo deste ano foron usuarios deste servizo municipal un total de 86 nenos.

O Concello está integrado na Rede Galega de Atención Temperá e ten en funcionamento ese servizo municipal nas instalacións do edificio de Servizos Múltiples da Laracha.
A atención temperá consiste nun conxunto de intervencións dirixidas á poboación infantil (0 a 6 anos), á súa familia e ao seu contorno, que teñen por obxectivo dar resposta o antes posible ás necesidades transitorias ou permanentes que presentan os nenos con trastornos no desenvolvemento ou en risco de padecelos para facilitar a súa autonomía persoal e inclusión social. A finalidade principal é poder detectar esas dificultades o ante posible para obter os mellores resultados da atención profesional e que redunden nun máis óptimo proceso evolutivo dos cativos.
A Xunta de Goberno Local, na sesión ordinaria celebrada hoxe, acordou concorrer á convocatoria de subvencións a entidades locais para a prestación de servizos no marco da Rede galega de atención temperá cofinanciada polo programa FSE+ Galicia 2021-2027, impulsada pola Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia.
Mediante a achega solicitada o Concello pretende financiar os custes durante os próximos dous anos do persoal adscrito a este servizo, que está formado por catro profesionais: fisioterapeuta, terapeuta ocupacional, psicóloga e logopeda.
A necesidade do servizo de atención temperá na Laracha evidénciase coa cifra de usuarios, xa que ao longo deste ano foron atendidos un total de 86 nenos.
É preciso lembrar que, en todo caso, a derivación dos nenos ao programa de atención temperá é responsabilidade do servizo de pediatría, ao que debe acudir a familia se sospeita que o cativo pode presentar un trastorno do desenvolvemento para, posteriormente e de ser o caso, ser valorado polo persoal técnico dos Servizos Sociais municipais.